Venda outorgada por Maior Suárez, cos seus fillos, Fernando Arias e Martiño Arias, a Sancha Eanes, unha metade, e Pedro Pérez, a outra metade, de dous tercios da leira de Fonte Fornelos, por seis soldos
Situado en Leiro, o mosteiro dúplice e patrimonial de Santa María de San Clodio foi fundado no século X por Álvaro e Sabita. Estes dous personaxes fan no ano 928 unha doazón a un cenobio que eles mesmos edificaran ao lado do río Avia. Este mosteiro tiña as súas propiedades territoriais na zona do Ribeiro, a ambas as dúas marxes do río, e adicouse principalmente á viticultura, o que lle supuxo importantes rendas. Desde os anos centrais do século XIII mantivo conflitos coa vila de Ribadavia e máis tarde preiteou tamén con membros da nobreza laica, fundamentalmente cos Sarmiento e os Soutomaior. Desde mediados do século XII o cenobio pertencía á orde beneditina e no século XV debeu integrarse na orde cisterciense, aínda que algúns autores defenden a súa incorporación á orde do Císter xa no ano 1225. Ao contrario doutros mosteiros e conventos galegos, Santa María de San Clodio gozou da súa época de maior esplendor na centuria de 1400, co abade frei Xoán de Grixoa á súa cabeza. Este relixioso enfrontouse, entre outros, a Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, e foi quen de anexionar para o cenobio de Leiro os bens do mosteiro feminino de San Miguel de Bóveda. En 1536 Santa María de San Clodio pasou a depender da Congregación de Castela e desde 1586 ata o ano 1611 acolleu un Colexio de Artes. Trala Desamortización do século XIX cesou a súa actividade relixiosa que recuperou no ano 1991, cando se instala nel un grupo de monxes bieitos procedentes de San Xulián de Samos.
Historia arquivística
Este fondo ingresou no arquivo procedente da Delegación de Facenda en 1943. Forma parte dos documentos fundacionais do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e procede das institucións relixiosas desamortizadas no século XIX. Trala Desamortización os arquivos das institucións relixiosas ingresaron no Arquivo Histórico Nacional pero unha boa parte dos fondos monásticos ourensáns permaneceu nas dependencias provinciais de Facenda e pasou a constituír a documentación fundacional do arquivo.